aldea

Rebordechán

O tempo da aldea

 

A parroquia de Rebordechán localízase ao norte do concello de Crecente, na comarca da Paradanta, no leste de Pontevedra. Encrávase ao pé do río Miño, o que fai que teña un desnivel medio forte, variando a altitude entre unha cota mínima de 200 metros á altura do lugar de Parada e unha cota máxima de 600 metros en Tixosa. Ten unha extensión de 5,6 km2. Linda ao norte coas parroquias de Filgueira e Ameixeira; ao sur coas parroquias do Freixo e Angudes; ao leste, co río Miño e o concello de Cortegada; e, ao Oeste, coa parroquia do Couto, do concello da Cañiza.

Parte do concello de Crecente (unha franxa ao longo da beira do río Miño) está incluída no LIC Baixo Miño, zona declarada de importancia comunitaria mediante o Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG nº 69, do 12 de abril do 2004).

O concello de Crecente está declarado como zona de alto risco de incendio (ZAR) pola Consellaría do Medio Rural. No período 2001- 2006, téñense producido lumes forestais todos os anos, acadando o máximo no ano 2006, con máis de 1.100 hectáreas queimadas.

Caracterízase por ser unha parroquia rural, con elevada caída poboacional e pouco índice de actividade económica. O despoboamento, ao igual que acontece noutras zonas de Galicia, é o responsable directo de que, moitas áreas rurais coma esta, sufran con virulencia as consecuencias perniciosas de incendios forestais, falta de servizos, baixas  perspectivas na calidade de vida, etc.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común é consciente dos problemas que afectan, na actualidade, á súa zona vital, á súa parroquia e, polo tanto, tentan tomar cartas no asunto para revitalizar na medida do posible a área da que son naturais. É o compromiso coa súa parroquia, co seu hábitat, quen os leva a tomar moi seriamente a acometida de actividades que contribúan a un desenvolvemento económico e social no rural.

As aldeas do século XXI teñen pouco que ver cos recordos, coa historia e historias que gardan a memoria dos nosos pais e avós. O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega nace co obxectivo de poñer en valor e explotar os recursos da parroquia para crear postos de traballo e diminuír o risco de incendios, para darlle nova vida á aldea. 

Rebordechán (Crecente) é unha parroquia duns 50 veciños, Unha aldea de tantas, desas que hai espalladas por Galicia con demasiados funerais e ningún nacemento. Para evitar o último dos enterros, o da aldea en si mesma, había que dar pasos importantes que requerían do compromiso coa terra dun grupo de veciños ou persoas cun vínculo estreito coa parroquia. A proba dese compromiso está na recuperación de festas tradicionais como o Entroido, o Magosto ou ir cantar os Reis, e na creación doutras novas como a Romaría do Castriño, a Noite da Moura ou a Festa dos Cativos. Está na loita pola mellora de accesos e infraestruturas.

No ano 2007 a Comunidade de Montes promoveu un proxecto de recuperación integral da parroquia baseado no aproveitamento dos recursos propios. Moito traballo despois, o 26 de xuño de 2014, o Concello de Crecente, previo informe favorable da Xunta, aprobou darlle licenza de obra para a construción dun establo para cabras, a instalación dun invernadoiro para horta ecolóxica e a dun campamento con tenda e restaurante incluído.

 

Os 79 socios estamos hoxe máis convencidos que nunca de poder adaptar os vellos recursos ás novas demandas, de poder demostrar non só que a aldea está viva, senón que lle queda moita vida por diante.

info aquí

×