Tag:carballo

Asunción, María e José. Xente anónima con nome propio

Asunción, María e Xosé, xente anónima con nome propio

 

Agora cabelos negros, Máis tarde cabelos brancos; Agora dentes de prata; Mañá chavellas quebradas; Hoxe fazulas de rosas Mañá de coiro enrugado Marcos Rodríguez leva nove anos retratando os cabelos brancos, as chavellas quebradas e o coiro enrugado de mulleres e homes como Asunción, María e José, como os nosos avós e avoas. Nove anos captando miradas únicas, sorrisos enternecedores, mans castigadas polo traballo duro e frontes cheas de experiencias vividas. Grazas a Marcos podemos coñecer a Palmira, testemuña de excepción das explosións do Cason dende a súa casa de Castromiñán, ou a María e José, unha parella de Santa Mariña, en Camariñas, desgraciadamente xa falecidos, que protagonizaron no ano 2010 a foto gañadora do Premio Xosé Manuel Eirís. Pero eu debo recoñecer que lle estou inmensamente agradecida a Marcos por incluír a Asunción Antelo. A Rexubeira de Bergantiños, que a piques de cumprir 96 anos sigue soñando con ter un gran museo no que poder expoñer as súas esculturas de madeira, barro e pedra, é unha persoa moi moi especial para min. Esas mans que ilustran o cartel, esa mirada no fondo da cociña ennegrecida polo fume e o sorriso co que saúda dende a ventá son Asunción. Así foi e así é ela: traballadora e creativa, de ideas firmes e mirada penetrante, acolledora sempre con quen a visita. E estou segura de que igual que soubo captar a esencia da personalidade de Asunción, Marcos capturou coa súa cámara o espírito dos outros protagonistas desta preciosa exposición. Algo así só pode conseguilo unha persoa que entende a fotografía non só como unha profesión, senón como unha forma de vida. Para Marcos Rodríguez é así. No camiño entre Carballo, onde se criou, e Cee, onde está afincado, Marcos ten atopado moitos motivos de inspiración, moitos momentos irrepetibles para amosar ao futuro e para a eternidade, como el di. A fotografía artística non é, nin moito menos, o groso do seu traballo. Foi xefe de fotografía no semanario O Acontecer, traballou para El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, DxT Campeón e colaborou con Que pasa na costa e La Voz de Galicia, onde está dende o ano 2011. Aí foi onde nos coñecemos máis, porque aínda que os dous somos carballeses, pertencemos a xeracións diferentes e non tropezáramos ata que dalgún xeito nos uniu o traballo. Xa me gustaría a min ter un currículum como o seu. Premio o Concurso Internacional Vagamundos na categoría de paisaxe, premio á mellor fotografía sobre violencia de xénero en Camariñas, no certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, mencións da federación de fotógrafos españois… en fin. O ano pasado chegoulle un dos seus maiores recoñecementos coa medalla de prata na categoría de reportaxe da World Photographic Cup e este ano está que se sae: -Representante do equipo español nas categorías de paisaxe e reportaxe na Copa do Mundo de Fotografía. -Nominado aos «Quijotes 2015» Premio Nacional de Fotografía na categoría de «retrato» con 2 obras -Nominado aos XII Premi Comunitat Valenciana de Fotogafía Professional con 4 obras -Finalista nos European Photographer of the Year Awards nas categorías de Reportaxe Gráfica e Paisaxe. -Finalista nos «Premios Andalucía de la Imagen» nas categorías «Libre creación» e «Retrato Infantil». Sáese ou non? Hoxe preséntanos Asunción, Xosé e María. Unha exposición na que cada foto conta unha historia vital, permítenos viaxar no tempo, sentir o calor da lareira, o peso das zocas nas lameiras, o suor tras unha dura xornada de traballo na leira… Cada foto conta a historia de cada un e cada unha de nós, dos nosos maiores, espellos nos que debemos mirarnos cada día para aprender do pasado para poder encarar o futuro. Grazas, Marcos, por pensar en min para a presentación. Boa tarde, benvidas e benvidos. Gozade da exposición.

Cristina Abeleira

 

noticias relacionadas:
La Voz     Que pasa na costa